Libraría

Dicir as marxes #01 con Laura C. Vela e Alba Cid: «Onde coloco este libro? Os límites dos xéneros diante dos libros mutantes.»

Laura C. Vela e Alba Cid inaugurarán a actividade de NUMAX, «Dicir as marxes», o mércores 28 de maio ás 20:00h cunha conversa que leva por título «Onde coloco este libro? Os límites dos xéneros diante dos libros mutantes». No encontro estarán acompañadas pola xornalista e escritora Xiana Arias. Esta actividade está comisariada pola Libraría NUMAX e subvencionada pola Deputación da Coruña.

 

A primeira xornada de «Dicir as marxes» contará coa editora, escritora e fotógrafa Laura C. Vela e a escritora Alba Cid. No seu encontro falarán de libros mutantes para tratar o xeito no que cuestionan os xéneros literarios e as diferentes formas de categorizar a cultura.

No labor diario dunha libraría atopámonos a miúdo coa mesma dúbida: onde coloco este libro? As categorías fannos falta para poder organizar os fondos, pero presentan límites, que se fan patentes cando damos con obras que poderían estar en sitios diferentes (ou que non acaban de encaixar en ningún lado). Eses son os que denominamos libros mutantes: traballos inclasificables, que mesturan elementos de diferentes xéneros (narrativa, poesía, ensaio) ou mesmo de diferentes linguaxes (escrita, fotografía, debuxo) e diversas aproximacións á realidade (arquivo, documental, ficción).

Desde a práctica de quen escribe, pero tamén das editoriais independentes que asumen o risco de traspasar límites, neste encontro abordaremos a tensión entre os marcos impostos pola industria do libro (que se estenden aos nosos hábitos como compradoras de literatura) e a realidade dunha creación que sempre acaba tendo un compoñente subversivo, híbrido, raro ou, en definitiva, libre.

Laura C. Vela (Madrid, 1993) é fotógrafa e editora, Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía, graduada en Filosofía, diplomada en Estudos Chinos e mestrado en Desenvolvemento de Proxectos Artísticos coa escola BlankPaper. Foi artista seleccionada en Plat(t) form – Fotomuseum Winterthur en 2018. En maio de 2019 publicou o fotolibro Como la casa mía con la editorial Dalpine, finalista a Mellor Libro de Fotografía do Ano por PhotoEspaña na categoría nacional. Tamén publicou Vorhandenheit (2014), Las simples cosas (2020), Siempre van solos, los bichos (2021) xunto a Suso Mourelo e treinta (2024) xunto a Xirou Xiao. Expuxo en numerosas entidades como PENUMBRA FOUNDATION (Nova York), Galería Junior High (Los Ángeles) o CentroCentro Madrid, La Madraza ou Sala El Águila, entre outras. En 2023 foi unha das cinco artistas seleccionadas por España para o programa europeo Futures Photography. Desde 2021 dirixe o proxecto multidisciplinar Esto es un cuerpo. O mesmo ano cofundou a editorial independente Comisura, onde publica discursos híbridos, organiza encontros culturais e imparte talleres. Seismil (2025, Niños gratis*) é o seu primeiro libro feito unicamente con palabras.

Alba Cid (Ourense, 1989) é unha poeta e investigadora galega. Atlas (Galaxia, 2019), o seu primeiro poemario, foi galardoado co Premio Nacional de Poesía Joven “Miguel Hernández” que concede o Ministerio de Cultura. Os seus poemas foron traducidos ao alemán, catalán, grego e inglés, e incluidos en revistas e webs como Poets.org, Kenyon Review, Oculta Lit, etc. Coautora da plaquette artística A faia de Ponto. Le roi de la Galice e do Tesouro Espeleolóxico Galego (ambos en aCentral Folque, 2022), forma parte de proxectos interartísticos e ligados ao patrimonio inmaterial, como Rupestre Sonoro. Foi colaboradora da Radio Galega; fotografía e ilustra ocasionalmente. Atende a etimoloxías, historia natural e prácticas culturais diversas.